Alumni USC abre unha mostra sobre “a realidade viva” do Camiño de Inverno

Cincuenta fotografías e varias pezas etnográficas dos museos de Arxeriz e Quiroga integran a colectánea que se poderá ver en Santiago e Monforte de Lemos.

Este proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo

O acto de inauguración celebrarase mañá sábado, ás 12 horas, no piano-bar do Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC) abre unha mostra fotográfica e etnográfica do Camiño de Inverno, logo de oito meses de traballo intenso na consecución de patrocinios, produción das imaxes e acordar colaboracións con dous senlleiros museos da Ribeira Sacra e as tres asociacións de amigos polos que discorre esta ruta xacobea, declarada oficial pola Xunta de Galicia en 2016. Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela é o nome do proxecto social e expositivo que conta co respaldo económico do programa ‘O teu Xacobeo’, así como das firmas comerciais OCA Hotels e Mercado La Galiciana.

O acto de inauguración celebrarase mañá sábado no Hotel Oca Puerta del Camino (Santiago), ás 12 da mañá na zona do piano-bar. Asistirán o alcalde de Santiago –Xosé Sánchez Bugallo–, o conselleiro de Cultura e Turismo –Román Rodríguez–, a vicerreitora de Comunicación da USC –Mar Lorenzo–, o director do proxecto expositivo –José Manuel Ortigueira–, o director do hotel anfitrión –Lalo Crespo­– e a presidenta de Alumni USC –Benita Silva–, que abrirá o acto. Tamén está prevista a presenza de representantes de asociacións e outras entidades xacobeas, así como dalgúns personaxes que aparecen retratados na mostra. Logo das intervencións institucionais, actuará o zanfonista establecido na Ribeira Sacra Francisco Javier Almuíña Chorén. A sesión finalizará cun viño galego para todos os asistentes, aos que se lles entregará un catálogo da exposición, de 140 páxinas, que inclúe textos alusivos a esta ruta xacobea. Como firma invitada, o profesor e novelista Xabier Quiroga asina un texto entre a ficción e a descrición.

A mostra componse dunhas cincuenta imaxes “representativas das heroínas e anfitrións do Camiño, acompañadas de lugares emblemáticos”, segundo explica José Manuel Ortigueira Bobillo, director do proxecto e autor das fotografías. Como complemento, a exposición complétase con varios obxectos do Ecomuseo de Arxeriz, que simbolizan a cultura fluvial, vinícola e arqueolóxica, e unha selección de elementos relacionados coa produción de aceite que achega o Museo Etnográfico de Quiroga. O xacemento aurífero romano das Médulas; o río Sil; o mosteiro de San Miguel de Xagoaza; o río Miño e o espectacular meandro do Cabo do Mundo; as olivas, as uvas e as muras da Ribeira Sacra; as igrexas, as campás, as pontes… e monumentos como Os Escolapios de Monforte son algunhas das imaxes que se poden contemplar.

A exposición poderá verse en Santiago, nos vestíbulos e corredores do Hotel Puerta del Camino, durante todo o mes de marzo. Posteriormente, viaxará a Monforte de Lemos, para ser instalada na Casa da Cultura, onde permanecerá o mes de abril. Finalmente, unha parte da exposición regresará a Santiago para ser exhibida durante o mes de maio no Mercado La Galiciana.

Alumni USC asumiu o reto de plasmar nunha exposición a “realidade viva” do Camiño de Inverno, destacando o traballo das persoas que contribúen ao seu desenvolvemento, con especial atención á economía rural e social, segundo explica Ortigueira. “E para poñelo en marcha, instrumentouse un plan de colaboración público-privada que permitiu obter os recursos necesarios e a implicación das entidades máis significativas”, conclúe. Este traballo de investigacaión supuxo retratar a cada persoa na súa ocupación ou coa que ten un vínculo especial. “Todas e cada unha –agrega o director do proxecto– amosáronse receptivas a esta iniciativa, sendo conscientes de que cómpre unha maior colaboración e coordinación entre a Administración e as asociacións sociais e culturais, para engrandecer e proxectar o Camiño de Inverno”.

A presidenta de Alumni USC, Benita Silva, destaca que se trata dun “modelo exemplar de alianzas entre o sector público e privado a partir dunha idea brillante e acaída”. O proxecto xeral complétase coa realización do Camiño por etapas periódicas, ruta que os camiñantes de Alumni USC comezaron no mes de setembro e esperan concluír este ano. De feito, a exposición inclúe un panel con fotos realizadas ao chou polos propios participantes nesta peregrinación a Compostela.

Programa da exposición