As dez razóns polas que O Camiño de Inverno a Compostela
será a nosa actividade -senlleira- para o curso 2019-2020.
I.- Os Ríos. Omnipresentes. O Camiño de Inverno a Compostela é o único que vai acompañado polos tres grandes ríos galaicos : O maxestoso Sil, o vello pai Miño, o impoñente Ulla… cuns secundarios de luxo: Lor, Cabe,Toxa, Deza…
II.- A Paisaxe. Única. Nunha beleza chea de contrastes. Desde as louseiras de Valdeorras ata os socalcos da Ribeira Sacra, pasando por soutos, nogueirais, cortiñas, erbedeiros… asombrosos. E, no Saviñao, o Cabo do mundo!
III.- Os Romanos. Non só As Médulas –valioso patrimonio da humanidade -. Tamén Montefurado –incrible traballo de enxeñería na procura do ouro –. Ou a Calzada pola que baixamos, nunha fraga acolledora, ata Belesar.
IV.- A riqueza etnográfica. Por exemplo: no Camiño de Inverno hai unha abondosa presenza dos Petos de ánimas. Tesouros de pedra en camiños, adros e prazas, que nos sorprenden, asombran, conmoven.
V.- Galicia. Toda a terra é nosa. Nunha ollada. No Camiño de Inverno está o único cumio desde o cal ollamos as catro provincias. Mesmo co ceo anubrado. Éxtase!
VI.- Vilas (A Galicia interior). É outro mundo. Tan acolledor. Próximo. Xeneroso. Gran pracer chegar a Quiroga, Monforte, Chantada, Rodeiro… e mesmo, impagable. Entrar na Pobra de Brollón, cruzando o Rubín –que non ten ponte-!
VII.- Románico. Exuberante. Desde os mosteiros escondidos na maleza dos outeiros ata ás máis humildes igrexas… San Lourenzo de Fión, san Paio de Diomondi….
VIII.- Xentes. De Ponferrada a Compostela, en cada etapa sempre haberá unha persoa, unha conversa, unha historia: A aceiteira de Bendilló, a taberneira de Penasillás, O piñeiro da Pobra- esa revolta dos Guímaros -!
IX.- Esforzo. Non hai. Convertemos ás nove etapas oficiais, en trece levadeiras andainas. Só teremos que madrugar nas dúas primeiras etapas. Saímos ás 8 de Compostela. Levamos comida, por se acaso. (Adxuntamos calendario -últimos sábados de cada mes-).
X.- Síndrome de Stendhal. Abraiados pola sorpresa da descuberta e o pracer do vivido… Iso será o que nos pase, de volta en Compostela, rematado o Camiño de Inverno.
Paga a pena !
