Socios e socias

Poden pertencer a Alumni USC as persoas que estudaron ou están a estudar e a traballar na Universidade de Santiago de Compostela e tamén calquera persoa que, aínda que non pasara polas súas aulas, estea interesada en estar vinculada á Institución.

Socios/as de honra

No artigo 24 dos Estatutos recóllese esta figura do seguinte xeito:

«Son aqueles membros que polo seu prestixio ou por ter contribuído dun xeito relevante á dignificación ou ao desenvolvemento da Asociación ou da Universidade de Santiago de Compostela, se fagan acredores de tal distinción».

O nomeamento de socios de honra correspóndelle á Asemblea Xeral Extraordinaria, a proposta da Xunta Directiva.

José Manuel Ortigueira Bobillo, novo Socio de Honra de Alumni USC

O Paraninfo de Fonseca acolleu o acto de nomeamento de José Manuel Ortigueira Bobillo como Socio de Honra de Alumni USC, a máxima distinción que concede a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela.

A entidade quixo recoñecer a súa implicación e compromiso con Alumni USC, especialmente polo impulso e coordinación do proxecto Camiño de Inverno, unha iniciativa cultural e divulgativa que incluíu unha exposición fotográfica e etnográfica con fondos dos museos de Quiroga e Arxeriz, así como a realización da ruta entre Ponferrada e Santiago de Compostela, na que participaron máis de corenta socios da asociación.

Na súa laudatio, Manolo Fraga destacou o altruísmo e a filantropía de Ortigueira, subliñando o seu papel fundamental nun proxecto no que foi todo: xestor, planificador e fotógrafo.

Pola súa parte, o homenaxeado dedicou unhas palabras á presidenta de Alumni USC, Benita Silva, ausente por motivos de saúde, e explicou que o obxectivo da iniciativa era asumir «o reto de plasmar a realidade viva do Camiño, con especial atención á economía rural e social».

O anterior Socio de Honra de Alumni USC, Juan Viaño, foi o encargado de entregarlle a placa conmemorativa. A clausura correu a cargo da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC e membro da directiva de Alumni USC, Mar Lorenzo, quen agradeceu a participación e colaboración de todas as persoas implicadas neste singular proxecto.

A exposición puido visitarse en Santiago de Compostela, Monforte de Lemos e Lugo, grazas ao apoio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, coa colaboración do Consello Social da USC e da empresa Oca Hotels.

A xornada concluíu cun recital a cargo do laudista Fernando Reyes e da soprano Mercedes Hernández, que interpretaron un repertorio de pezas históricas vinculadas ao Camiño de Santiago.

O último distinguido con este nomeamento foi, no ano 2018, Juan Viaño Rey, exreitor da USC.

En 2016 nomeouse socio de honra a Juan J. Casares Long, exreitor da USC e primeiro Presidente da nosa Asociación.

No 2010 levouse a cabo o nomeamento das seguintes persoas, que desempeñaran o cargo de presidentes do Consello Social: Manuela López Besteiro e Manuel Puga Pereira.

Os primeiros socios de honra nomeáronse no ano 2004 e foron: Darío Villanueva Prieto, daquela reitor da USC, e fundador de Alumni USC; os presidentes do Consello Social Emilio Pérez Nieto e Jesús García Calvo; o presidente do Grupo Correo Gallego Feliciano Barrera Fernández, como patrocinador de Alumni USC, e Benigno Carril Pérez, primeiro Xestor Técnico de Alumni USC.

Socios protectores

Son aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que colaboran economicamente co sostemento da Asociación, patrocinándoa, cooperando nalgunha actividade ou evento, achegando algunha axuda ou apoiándoa doutro xeito (como se recolle no artigo 24 dos Estatutos de Alumni USC).

A Asociación dá a coñecer, periodicamente, a listaxe de entidades socias protectoras na páxina en liña.