Alumni USC promove unha exposición sobre o Camiño de Inverno, proxecto respaldado polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia

Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela é o proxecto social e expositivo que a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC) quere achegar á celebración do Xacobeo 21, entidade que o subvenciona co setenta por cento do presuposto. “Veremos unhas cincuenta imaxes, representativas das heroínas e anfitrións do Camiño, acompañados dos lugares emblemáticos. Como complemento, a mostra disporá de varios obxectos que simbolizan a cultura fluvial, vinícola e arqueolóxica do Ecomuseo de Arxeriz. E o Museo Etnográfico de Quiroga achegará unha selección de elementos relacionados coa produción de aceite”, segundo explica José Manuel Ortigueira Bobillo, director do proxecto e autor das fotografías, que se exhibirán en formatos de gran tamaño. O mes de marzo poderá verse en Santiago, nos vestíbulos e corredores do Hotel Oca Puerta del Camino, cuxa inauguración institucional está prevista para o 29 de febreiro. Posteriormente, viaxará a Monforte de Lemos, para ser instalada na Casa da Cultura, onde permanecerá o mes de abril. Finalmente, unha parte da mostra regresará a Santiago para ser exhibida durante o mes de maio no Mercado La Galiciana, empresa copatrocinadora do proxecto xunto con Oca Hotels.

Acceso ao catálogo

Alumni USC asumiu o reto de plasmar nunha exposición a “realidade viva” do Camiño de Inverno, destacando o traballo das persoas que contribúen ao seu desenvolvemento, con especial atención á economía rural e social, segundo explica Ortigueira. “E para poñelo en marcha, instrumentouse un plan de colaboración público-privada que permitiu obter os recursos necesarios e a implicación das entidades máis significativas”, conclúe. Este traballo de investigacaión supuxo retratar a cada persoa na súa ocupación ou coa que ten un vínculo especial. “Todas e cada unha –agrega o director do proxecto– amosáronse receptivas a esta iniciativa, sendo conscientes de que cómpre unha maior colaboración e coordinación entre a Administración e as asociacións sociais e culturais, para engrandecer e proxectar o Camiño de Inverno”.

A presidenta de Alumni USC, Benita Silva, está “entusiasmada” coa iniciativa: “Trátase dun modelo exemplar de alianzas entre o sector público e privado a partir dunha idea brillante e acaída. É un proxecto que nos fará sentir orgullosos a todos os socios, ao tempo que lle estou moi agradecida ao grupo de sendeirismo polo seu alento e participación, e especialmente a José Ortigueira por tanto esforzo e entusiasmo liderando o conxunto do programa”. De feito, a exposición incluirá un panel con fotos realizadas ao chou polos propios camiñantes.


Cincuenta imaxes e varias pezas integran a colectánea.

Acto inagural da exposición


PATROCINAN