A Fundación Meniños recibe o Premio Humanitas 2025

A Fundación Meniños foi distinguida co Premio Humanitas 2025, un recoñecemento outorgado polo Consello Social e Alumni da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O xurado decidiu por unanimidade premiar o labor da entidade na defensa do dereito de nenos, nenas e adolescentes a vivir en familia, promovendo alternativas á institucionalización en situacións de vulnerabilidade.

O galardón foi recollido este martes, 3 de febreiro de 2026, polo presidente do padroado da Fundación Meniños, José Manuel Villanueva Prieto, nun acto celebrado na Casa da Concha, sede do Consello Social da USC. A entrega correu a cargo do reitor da universidade, Antonio López Díaz.

O xurado estivo presidido polo reitor da USC e contou coa participación da presidenta de Alumni USC, Eva López Barrio; da presidenta e do vicepresidente do Consello Social, Cecilia Sierra Rey e José Villarnovo Faraldo; e de Luisa Rivas García en representación de Alumni.

Tras avaliar as candidaturas presentadas, o xurado destacou o alto nivel do traballo realizado polas entidades participantes na mellora da calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade en Galicia. Finalmente, a Fundación Meniños foi a entidade seleccionada, recibindo unha dotación económica de 2.000 euros.

No acto tamén estiveron presentes a directora xeral da Fundación Meniños, Verónica Rivadulla Parcero, e a directora de Desenvolvemento e Sustentabilidade, Begoña Pallas García.

O Premio Humanitas ten como finalidade recoñecer accións e traxectorias de entidades que destacan pola súa implicación en actividades solidarias e humanitarias. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Consello Social e Alumni USC por achegar a realidade social á universidade e fortalecer a relación co antigo alumnado da USC.