Aida Menéndez e o Camiño de Inverno

De esquerda a dereita, Conde, Amancio, Román e Aida

Obituario

16.07.2022_ Manolo Fraga (periodista e directivo de Alumni USC)

Falaba con paixón, mesmo con vehemencia, sobre o seu Camiño de Inverno. E digo “o seu”, porque nel envorcou as súas enerxías, desvelos e publicacións. O ano que a Xunta de Galicia fixo oficial este roteiro alternativo ó Cebreiro, en 2016, Aida Menéndez Lorenzo recibiunos xunto aos Escolapios de Monforte. Oito persoas faciamos gozosamente este Camiño e sentíamonos felices por coñecer á súa gran impulsora, poder transmitirlle as nosas sensacións e adquirir exemplares da súa guía, que ela asinaba con gusto.

Aida fundara a finais dos noventa a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, que hoxe ten máis de catrocentos socios. Tiven a sorte de asistir ao seu vixésimo aniversario na capital de Lemos, que se celebrou, entre outras actividades, coa actuación de Amancio Prada na igrexa da nosa Señora da Antiga. Aquel 27 de abril de 2019 Aida estaba exultante, arroupada por socios, veciños, amigos e dous conselleiros –Conde e Román–, entre outras autoridades.

Pero a nosa relación gañou enteiros cando, dende a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) nos embarcamos na produción dunha mostra fotográfica do Camiño de Inverno, titulada Lugares únicos, heroínas e anfitrións, así como en volver á ruta que comeza en Ponferrada; aínda que nesta ocasión o grupo creceu ata superar a trintena de participantes. O autor das fotos, José Manuel Ortigueira, decidiu incluír aos presidentes das asociacións do camiño implantadas no seu trazado. E así quedou inmortalizada Aida Menéndez, como unha das heroínas do Camiño de Inverno. Ela acompañounos nos actos de inauguración da mostra en Santiago e Monforte, aproveitando a ocasión para comentar a evolución da ruta. A súa principal reivindicación era a construción de albergues, unha instalación imprescindible para consolidala. Pero tamén demandaba, como todos os peregrinos, a apertura das igrexas. E cando menos, sinalaba tres: San Miguel de Montefurado, San Vicente do Piñeiro e San Paio de Diomondi. Á beira desta última igrexa, situada antes de descender ao Miño polos chamados cóbados de Belesar, frutificou o albergue onde os peregrinos dormen xunto a tumbas medievais.

No catálogo da citada exposición, Aida asina un texto no que tamén expón a creación en Monforte de “un centro de acollida de peregrinos que servise, ao mesmo tempo, de centro de interpretación da ruta e de biblioteca xacobea”, unha infraestrutura conveniente, sen dúbida, en aras do asentamento da peregrinación e camiñantes por este itinerario –que é dunha beleza extraordinaria–, e a propia difusión do universo xacobeo. O legado desta muller emprendedora, que foi enterrada hai uns días en Barbadás (Ourense), onde naceu, é vasto e transcendental. Desde Alumni USC, da que tamén era socia Aida, lamentamos profundamente a súa perda. Agora toca que alguén sexa capaz de coller a testemuña e, con similar alento, seguir tirando do carro. Porque Aida Menéndez era a Elías Valiña do Camiño de Inverno.

Pero de momento o Camiño de Santiago está de loito.