Andaina 14 de febreiro de 2026

2ª etapa do Xiro Grande de Compostela

De Lavacolla á Igrexa de Santa María de César

O sábado 14 de febreiro o Club de Sendeirismo de Alumni USC realizou a segunda etapa do Xiro Grande de Compostela, nun percorrido que uniu Lavacolla coa Igrexa de Santa María de César.

A xornada comezou a primeira hora da mañá co traslado en autobús dende o Hotel Peregrino, Praza de Galicia e a Cidade da Cultura. Xa en Lavacolla, o grupo fixo unha breve parada para tomar un café e facer a foto de inicio antes de poñerse en marcha.

A ruta, duns 15,5 quilómetros en total, bordea a cabeceira norte da pista do aeroporto e discorre por camiños sen grandes desniveis, entre zonas de arborado e prados verdes. O percorrido desenvolveuse con bo ritmo e excelente organización, nun ambiente de compañeirismo e participación.

O destino principal foi a Igrexa de Santa María de César, destacado exemplo do barroco compostelán do século XVIII. Grazas á colaboración dunha veciña que custodia a chave, o grupo puido visitar o interior do templo, recentemente reformado e moi ben conservado.

Aínda que inicialmente a etapa remataba nese punto, parte dos participantes decidiu prolongar a andaina cun treito adicional ata cruzar unha ponte sobre o río Tambre. Este pequeno desvío, que acabou sumando algúns quilómetros máis ao percorrido previsto, permitiu gozar dunha paisaxe especialmente fermosa e contemplar o río con abundante caudal.

A xornada continuou cun xantar no Tambre Golf & Croquet, nun ambiente agradable e cun servizo moi coidado. Ao remate da comida, Ortigueira leu unha emotiva reseña en memoria do recentemente falecido Xesús Alonso Montero, nun momento de lembranza compartida.

Como peche da actividade, varios membros do grupo tiveron ocasión de coñecer e practicar o croquet tras unha breve explicación por parte dun directivo do club, engadindo así unha experiencia diferente a un día completo de sendeirismo, convivencia e cultura.