As catro aspirantes ao Reitorado da USC, a debate

O vindeiro xoves 22 de xaneiro de 2026, ás 18.30 h, celebrarase na Facultade de Filosofía (Salón de Actos), na Praza de Mazarelos, Santiago de Compostela, un debate público coas catro candidatas ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela.
O encontro estará moderado por Cristina Mouriño, responsable de comunicación do Consello da Cultura Galega.

Este debate é especialmente relevante porque será a primeira vez na historia da USC que a institución contará cunha reitora, un fito clave para a universidade.

Participarán Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira, que abordarán cuestións centrais como a relación entre universidade e cidade, a emerxencia social da vivenda, o valor histórico da USC e o seu papel cultural e social en Santiago.

No debate previo celebrado no Ateneo de Santiago, as candidatas coincidiron en sinalar a vivenda como un dos grandes retos actuais. Falouse tamén de internacionalización, sustentabilidade, infraestruturas, edificios históricos, cultura, formación ao longo da vida e da necesidade de reforzar a conexión da universidade coa cidade e coa sociedade galega.

📩 As persoas interesadas poden enviar preguntas ou inquedanzas ata o día 20 de xaneiro ao correo: alumni@alumniusc.com, para que sexan trasladadas ás candidatas durante o encontro.