Fronte a o Espello: Falar sana

O pasado xoves, a nosa Asociación acolleu a Alicia Orriols e á psicóloga Carmen Pomar para abordar, baixo o título Fronte ao espello, o tema do suicidio. Os pensamentos máis incómodos, as verdades que máis doen, adoitan esquivarse. E a aprensión xeneralizada a falar deste tema pode volverse perigosa: inducir a que quen sofre se sinta só e a que quen o presencia manteña as distancias.

De romper ese silencio trata o libro Mirar de frente, da xornalista e escritora Alicia Orriols, unha obra profundamente humana que, como ela mesma explica, “nace da dor, pero tamén da necesidade de tender unha man”. En conversa con Carmen Pomar, Orriols explicou que escribir este libro foi un exercicio de verdade e de vida: “Falar do suicidio non é doado, pero é necesario. Se non se fala, non existe. E o silencio tamén mata”.

A mensaxe de Mirar de frente é clara: amosar vulnerabilidade é un acto de valentía. “Ser vulnerables non é malo, é ser humanos. Chorar, falar, pedir axuda… iso tamén é valentía”, recordou.

A obra reúne, ademais, testemuños de cinco persoas que, como ela, sobreviviron á dor. Aínda que Orriols entrevistou a máis de corenta, escolleu historias que reflicten distintas formas de sufrimento e tamén de resistencia. “Escoitar é unha forma de sarar. Este libro busca abrir conversas, crear comunidade e dicirlle á xente: non estás soa”.

Dende a nosa Asociación, agradecemos a Alicia Orriols e a Carmen Pomar a súa participación e seguiremos traballando para ofrecer iniciativas que promovan o coñecemento, a saúde emocional e a cultura galega.