As primeiras profesoras da
UNIVERSIDAD COMPLUTENSE DE MADRID
A mostra inaugurouse o venres 17 nun acto que presidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e no que tamén participaron a delegada do reitor da USC para a Igualdade, Sonia E. Rodríguez; a delegada do reitor da UCM para Igualdade, Isabel Tajahuerce; a presidenta de Alumni USC, Eva López; e a comisaria da exposición en Madrid, Violeta Izquierdo. No acto mostraron o desexo de que a USC, primeira universidade de fóra de Madrid á que chega a mostra, colla o relevo deste proxecto e se faga coa memoria das súas docentes.
O obxectivo desta exposición é dar visibilidade ás primeiras profesoras que exerceron a docencia e a investigación nas distintas facultades da Universidade Complutense de Madrid (UCM). Forma parte do proxecto de investigación Académicas, destinado a recuperar a memoria das primeiras mulleres desa universidade e ten un carácter divulgativo e itinerante.
A mostra recolle relevantes nomes femininos da intelectualidade española dos séculos XX e XXI, contribuíndo a resaltar a todas as que exerceron como docentes e investigadoras na chamada, naquel momento, Universidade Central.
Tras o Real Decreto do 8 de marzo de 1910, que autorizaba as mulleres a acceder aos estudos superiores, estas estudantes tiveron que superar censuras, atrancos e menosprezos antes de poder licenciarse e, mesmo para desenvolver a súa carreira tanto académica como profesional.
Entre estas mulleres veremos a traxectoria de tres salientables e ben coñecidas galegas, dúas delas estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.
A nosa Asociación foi esencial para que a Usc acollera esta mostra en colaboración cá Vicerreitoría de Estudantes e Cultura xunto cá Area de Cultura da Usc.
A mostra pode verse ata o 28 de novembro de 2025, en horario de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

