O club de sendeirismo remata a 5.ª etapa do Camiño do Taverneiro

Esta etapa do Taverneiro, que une Carballedo con Serrapio, presenta un percorrido cheo de contrastes paisaxísticos e elementos de grande interese cultural, combinando tramos esixentes con outros de especial beleza.

Serrapio localízase no val do Lérez, moi preto da ponte medieval de Pedre, no que na actualidade é o concello de Cerdedo-Cotobade. Neste lugar únense o Lérez co río Quireza, e é precisamente aquí onde se sitúa Serrapio. O significado de «Serrapio» podería interpretarse como «lugar entre dúas serras» ou, quizais neste caso, como o espazo que separa un val. Neste lugar existe un antigo e fermoso conxunto arquitectónico popular, asentado sobre unha gran rocha, desde onde se obtén unha fantástica panorámica do val de Pedre, da súa ponte medieval e do misterioso Coto das Ínsuas.

Ao chegar a Serrapio, son dignas de atención as antigas casas de arquitectura tradicional que se asentan no lugar. Abaixo, na estrada, na época de choivas brota unha fonte directamente da gran rocha por un pequeno buraco. Un camiño ascende entre as poucas casas da aldea ata chegar ao conxunto arquitectónico.

Como sempre, a xornada rematou cun xantar e, posteriormente, o grupo desprazouse ata Sabucedo, onde se ofreceu unha explicación sobre a tradicional «Rapa das Bestas», unha das celebracións máis singulares da nosa cultura.

O grupo de sendeiristas acada así unha etapa máis deste singular camiño e prepárase xa para a seguinte: a 4.ª etapa do Xiro Grande de Compostela.