Primeira etapa do Xiro Grande de Santiago, do Club de Sendeirismo de Alumni USC

Este sábado deu comezo o Xiro Grande de Santiago coa súa primeira etapa, un percorrido dende a Ermida de Santa Lucía ata a Igrexa de Lavacolla, pasando polo miradoiro de Zaramacedo. A ruta contou cunha distancia total de case 14 quilómetros, combinando natureza, paisaxe e elementos históricos.

A saída realizouse nas inmediacións da Ermida de Santa Lucía, avanzando por camiños entre cultivos e subindo cara Marrociños ata chegar ao viaduto do AVE, que ofrece unha ampla vista sobre a parroquia do Eixo. O itinerario continuou por pistas e zonas de monte no Godos, en Aríns, cruzando regatos e ascendendo ata o alto de Zaramacedo, onde se realizou unha parada para gozar das vistas da cidade.

O tramo de descenso alternou bosques e pradeiras ata a aldea de Vilamaior, onde a ruta coincidiu co Camiño Francés e cos peregrinos que avanzaban en sentido contrario. Alí fíxose un descanso nunha área recreativa con lavadoiro e fonte, antes de retomar a marcha cara Lavacolla, cruzando o río Sionlla, lugar de especial significado segundo a tradición xacobea.

A etapa rematou xunto á Igrexa de San Paio de Sabugueira, nun espazo agradable que permitiu pechar a camiñada con tranquilidade.

A xornada completouse cun xantar na Cidade da Cultura e cunha visita guiada á exposición de Asorey, poñendo o broche final a un día de camiño, cultura e convivencia.