Fallo do Xurado do XV Premio de Relato Curto

Andrea Castaño Rodríguez gaña o XV Premio de Relato Curto que convoca Alumni USC, dotado con 500 € que achega o hospital HM Rosaleda.

Conta unha historia fantástica, “idea orixinal” expresada cunha redacción de “moita calidade”, segundo o xurado.

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) fallou a décimo quinta edición do Premio Relato Curto a favor do texto Ser, orixinal de Andrea Castaño Rodríguez. “Quixen coller algo cotiá e convertelo en algo fantástico. Ademais, a pandemia foi propicia para botarlle imaxinación. Ao final do relato en primeira persoa, que é absurdo, convírtome nunha xouba e son feliz. A realidade vai da man da fantasía”, segundo explica a gañadora do premio.

Andrea Castaño Rodríguez (Padrón, 1999) vén de graduarse como mestra en Educación Primaria na USC e debuta na escena literaria con este premio. “Este curso unha profesora mandounos como traballo de clase facer un relato sobre a familia, eu estaba a ler nese momento A metamorfose, de Kafka, e escribín este texto que, de casualidade, presentei ao certame de Alumni USC”, tal como indica. Gústalle moito ler novela histórica e fantástica e ten como referentes as escritoras Rosa Aneiros e Julia Navarro.

O xurado estaba integrado por Celia Yebra, Carmen Buitrón –ávidas socias lectoras de Alumni– e Tania Fernández, xornalista e xefa de Programas da Radio Galega, acompañadas polo secretario de Alumni, Agustín Pena, con voz pero sen voto. Destacaron do texto ganador a súa “idea orixinal e aberta, na que a partir dunha escena cotiá se presenta unha historia surrealista ben resolta que, ademais, deixa moitas incógnitas e a posibilidade de explorar”. As avaliadoras tamén suliñan que a redacción é de “moita calidade”.