A cuarta etapa do Xiro Grande a Santiago reuniu a 36 sendeiristas, que a completaron con entusiasmo nun percorrido de 11 quilómetros entre a Carballeira de Nemenzo e a Peregrina, deixando momentos de compañeirismo e contacto coa natureza.
A xornada comezou internándose no monte por sendeiros agradables, aínda que con pouca sinalización nos primeiros quilómetros, o que engadiu un pequeno toque de aventura ata chegar á Eirexe, onde apareceron as primeiras indicacións claras.
O camiño continuou en dirección a Berdía, pasando por Quintáns de Berdía, para seguir por Insúas ata o río Sionlla. A partir deste punto, a ruta volveuse máis esixente, coa subida cara a Vilar de Outeiro e, posteriormente, ata Son de Arriba. Xa preto do final, tras pasar por Son de Abaixo e Escarabuña, os sendeiristas afrontaron os últimos quilómetros polo monte ata chegar á Peregrina, culminando así unha etapa curta pero intensa.
A xornada completouse cunha magnífica comida nun salón exclusivo con vistas espectaculares no Polígono do Tambre. A continuación, realizamos unha visita formativa ao Biopolo, un espazo que todo Santiago debería coñecer e do que debemos sentirnos orgullosos polo traballo que se desenvolve na nosa cidade.
Todo isto aprendémolo da man do noso compañeiro Moncho Lois e da empresa i-Grape, un referente no sector da biotecnoloxía.


