A primeira etapa, de 13,5 quilómetros entre Cerceda e Gorgullos, fíxose baixo a chuvia e incluíu unha visita ao Museo do Moucho
O pasado sábado, 21 de novembro, tivo lugar unha nova xornada de sendeirismo coa que Alumni USC estreou un proxecto: percorrer completa, en varias etapas, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Nesta primeira cita, marcada pola chuvia, as persoas participantes completaron o tramo inicial, entre Cerceda e a antiga estación de Gorgullos, no concello de Tordoia.
Tratouse dun itinerario lineal duns 13,5 quilómetros, practicamente chan e de dificultade baixa, que permitiu gozar da contorna natural e da paisaxe da comarca. A ruta completouse en arredor de tres horas.
Ademais da parte deportiva e ambiental, a saída incluíu unha proposta cultural: a visita ao Museo do Moucho, en Cerceda. Esta actividade deu continuidade á recente charla divulgativa sobre a curuxa.

