9ª etapa do Camiño de Inverno

O sábado 26 de setembro, o Club de sendeirismo retomou o Camiño de Inverno, co percorrido da etapa Monforte-Fontela (San Lourenzo de Fión). Saíron de Monforte, andaron polas terras de Pantón e remataron no Saviñao.

Foron 16 quilómetros camiñando por sitios e lugares entrañables na toponimia galaica: A Vide, Moreda, A Broza, Piñeiro e o espectacular pazo do Reguengo, cheo de vitalidade.

O xantar foi en Torre Vilariño, a primeira casa de turismo rural de Galicia (creada no1991), e pasaron a tarde nos predios da fundación Xosé Soto de Fión: un fabuloso museo etnográfico coroado polo Castro de Arxeriz, o mellor punto posible para tirarlle fotos ao Cabo do Mundo.