Mesa debate coas catro candidatas á Reitoría da USC

Este xoves tivo lugar a primeira actividade do ano organizada pola nosa asociación: unha mesa de debate coas candidatas á Reitoría da USC. Trátase dun feito histórico para a nosa comunidade, xa que será a primeira vez que unha muller se poña á fronte desta institución.

As candidatas presentaron os seus pareceres dun xeito sempre cordial, tendo presente en todos os puntos tratados a realidade do Campus Terra.

Entre as propostas expostas, falouse da necesidade de revisar e actualizar as titulacións para adaptalas á demanda laboral, de xeito que a universidade evolucione coa sociedade e rexeite a inercia. Tamén se abordou o reforzo do profesorado, a dotación do soporte técnico axeitado e o uso responsable da intelixencia artificial por parte da comunidade universitaria. Todas coincidiron en que o papel fundamental da universidade é ensinar a pensar e definir cara a onde se quere orientar a formación do estudantado.

No relativo á nosa asociación, destacouse a importancia de conservar e fomentar o sentimento de pertenza á universidade, así como de potenciar o mentoring: poñer ao servizo do alumnado a experiencia e as habilidades do profesorado e dos profesionais, promovendo a práctica e mellorando as súas capacidades de cara ao futuro laboral.

Tanto Rosa Crujeiras, Maite Flores, Mª José López como Alba Nogueira enfróntanse agora a uns días intensos, coa campaña electoral que dará comezo o vindeiro 27 de xaneiro.