4ª Etapa Xiro Grande a Compostela

36 sendeiristas completaron con entusiasmo a cuarta etapa do Xiro Grande a Santiago, nun percorrido de 11 quilómetros que uniu a Carballeira de Nemenzo coa Peregrina, deixando momentos de compañeirismo e contacto coa natureza.

A xornada comezou internándose no monte, por sendeiros agradables aínda que con pouca sinalización nos primeiros quilómetros, o que engadiu un pequeno toque de aventura ata chegar á Eirexe, onde atoparon as primeiras indicacións claras.

O camiño continuou cruzando cara a Berdía e pasando por Quintáns de Berdía, para seguir por Insúas ata o río Sionlla. Neste punto, a ruta comezou a esixir un maior esforzo, coa subida cara a Vilar de Outeiro e a continuación ata Son de Arriba. Xa preto do final, tras pasar por Son de Abaixo e Escarabuña, os sendeiristas afrontaron os últimos quilómetros de monte ata chegar á Peregrina, completando así unha etapa curta pero intensa.

A xornada rematou cun excelente ambiente, no que non faltaron as conversas, as risas e a satisfacción polo camiño compartido.