Natureza, tradición e hospitalidade na sétima etapa do Camiño do Taverneiro7.ª Etapa do Camiño do Taverneiro

A sétima etapa do Camiño do Taverneiro uniu as localidades de Codeseda e A Estrada nun percorrido de 14 quilómetros marcado pola beleza da paisaxe, o patrimonio relixioso e a hospitalidade característica do rural galego.

O itinerario comezou ás beiras do río Umia. Co obxectivo de garantir a seguridade dos peregrinos e evitar o tránsito pola estrada principal, o trazado desviouse por un estreito e auténtico carreiro entre brañas. Desde a organización recomendouse aos participantes avanzar con atención debido á estreiteza do sendeiro e á presenza de valados de arame de espiño nalgunhas fincas.

Ao longo da etapa, os camiñantes foron descubrindo numerosos puntos de interese. En Paredes, no quilómetro 3,5, a ruta cruzou o río Liñares antes de continuar cara ao campo de fútbol asfaltado.

Un dos momentos máis especiais da xornada viviuse na aldea da Consolación, onde os peregrinos puideron contemplar a súa fermosa capela e o cruceiro. Alí, unha veciña da zona, Xulia, sorprendeu aos visitantes cunha orixinal e coidada decoración no seu xardín, un detalle que non deixou indiferente a ninguén.

A etapa continuou por Tabeirós e Guimarei. Tras pasar pola igrexa de Santiago de Tabeirós e alcanzar Sandán, no quilómetro 8,5, a ruta cruzou a ponte de Xerlís, equipada cun valado de protección debido á súa altura. A chegada a Guimarei estivo marcada polo seu emblemático cruceiro, a igrexa de San Xiao e a impoñente Torre de Guimarei, un dos elementos históricos máis destacados do percorrido.

Como broche final, os últimos 2,5 quilómetros antes de chegar ao centro urbano da Estrada puxeron a proba ás persoas participantes cunha esixente subida. Porén, o esforzo viuse recompensado co paso por unha fermosa carballeira que guiou aos camiñantes ata a vila. Xa no núcleo urbano, un último paseo permitiu atravesar A Estrada e pechar unha etapa inesquecible do Camiño do Taverneiro.