Alta participación na 6.ª etapa do Camiño do Taverneiro

A 6.ª etapa do Camiño do Taverneiro, organizada por sendeiristas Alumni, reuniu o pasado sábado 25 de abril a 39 participantes nun percorrido de 12,5 quilómetros marcado pola natureza, o patrimonio e a convivencia.

A xornada comezou cun tramo por estrada en dirección a Os Castros, pasando polas aldeas de Bugarín e Vilarchán, onde destacou a visita á capela de San Bieito. O grupo continuou por Fondós, co seu oratorio de San Xosé, ata chegar á parroquia de Quireza, onde se atopa a igrexa de Santo Tomé.

O itinerario incluíu tamén un tramo urbanizado de 850 metros e o paso por O Outeiro e Tresaldeas. A partir do quilómetro seis, a ruta internouse no monte, onde os participantes atoparon as coñecidas cancelas da Rapa das Bestas de Sabucedo, que foron pechadas con coidado ao seu paso.

Tras superar varias zonas húmidas, o grupo alcanzou o punto máis alto do percorrido, con amplas vistas da contorna. O descenso levou aos sendeiristas ata a fervenza do regueiro das Quintas, unha carballeira de gran valor natural, e á Ponte do Castelo.

A etapa concluíu en Codeseda, coa visita á igrexa románica de San Xurxo, do século XII. Como peche da actividade, no Centro Cultural da localidade tivo lugar a charla de Mariña Regueiro, baixo o título «Saíndo do armario: o encaixe contemporáneo no século XXI».

Desde a organización valoran moi positivamente a participación e o ambiente da xornada, e destacan o interese crecente por este tipo de actividades que combinan deporte, cultura e socialización.