“CONVERSAS” con Inés San Luís, creadora de Vogal: unha guía en streaming para o audiovisual galego

O martes, 20 de febreiro de 2024, tivo lugar outra charla na nova sección de Alumni USC “Conversas”.

Esta vez tivemos o pracer de contar con Inés San Luís, a creadora da guía en streaming “Vogal” (www.vogal.es) para atopar series e películas en galego. A decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón (exdocente da nosa convidada), foi quen introducíu as conversas, nas que tamén participou María Yáñez Anllo, creadora de “Flocos TV”, unha plataforma de cinema en liña que servíu de precursora para o proxecto de “Vogal”.

Inés é enxeñeira informática e formouse aquí, na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Está especializada no desenvolvemento web front-end, que consiste no deseño e creación das interfaces do usuario dunha web ou aplicación. Actualmente, vive e traballa en Italia, onde se dedica ao desenvolvemento de aplicacións de streaming para importantes cadeas escandinavas. Os seus intereses enriquecen a súa creatividade e axúdanlle a atopar inspiración fóra da tecnoloxía, coma no cinema.

María, leva máis de dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos para internet e deseñando estratexias de comunicación no audiovisual para produtoras e para filmes. Na actualidade compaxina a promoción de novos proxectos de cinema galego coa xestión da comunicación e marketing en social media da distribuidora Elastica Films.

Moitas grazas ás dúas pola vosa colaboración connosco!