O Xiro Grande de Santiago completa a súa sétima etapa cun percorrido de 13,5 quilómetros

Un total de 34 participantes gozaron dunha xornada que combinou sendeirismo, superación e compañeirismo, rematada cunha visita cultural á exposición «Voces do Pacífico», na Cidade da Cultura, e cun xantar de confraternidade.

O pasado sábado, un grupo de 34 participantes continuou co Xiro Grande de Santiago coa sétima etapa, que levou os excursionistas desde Camouzo ata o Alto do Vento (A Portela de Villestro). A andaina completou 13,5 quilómetros, percorridos en aproximadamente catro horas.

Unha ruta entre a tranquilidade e a esixencia

A saída tivo lugar ás 10:00 horas, cun perfil inicial moi accesible e tranquilo. Os primeiros nove quilómetros permitiron gozar dunha paisaxe rural típica, rodeada de campos de millo, ao paso por lugares como Vilas, Portela de Figueiras, Piñor e o cruce do Regato dos Roxos, ata chegar á parada intermedia en Reborido.

A partir dese punto, a ruta ganou en esixencia cun tramo final de 4,5 quilómetros, con pronunciadas subidas polo monte, en parte cubertas de pedras e follas de eucalipto, e baixadas técnicas que requiriron calzado axeitado e bastóns. Os últimos 400 metros coincidiron co Camiño a Fisterra, antes de chegar ao punto final, xunto á cafetería do Alto do Vento, arredor das 14:00 horas.

Rematado o percorrido, o grupo desprazouse a un restaurante da zona para repoñer forzas cun xantar de confraternidade. Despois, os participantes achegáronse á Cidade da Cultura para visitar a exposición «Voces do Pacífico», unha mostra con pezas procedentes do British Museum.

Con esta xornada, o Xiro Grande de Santiago volveu demostrar que é posible combinar deporte, natureza, cultura e convivencia nunha mesma actividade, e ofreceu aos socios e amigos de Alumni USC unha nova oportunidade de descubrir a contorna de Santiago en boa compaña.