A iniciativa, que comezou onte na Facultade de Filosofía cunha notable participación, continuará o vindeiro mércores 21 de outubro e quere animar as persoas asistentes a presentaren os seus textos ao XIX Premio Relato Curto Alumni USC, que conta coa colaboración de Pobesalud.

Alumni USC puxo en marcha onte o seu Obradoiro literario, unha proposta para fomentar a creatividade, a expresión escrita e o interese pola literatura entre a comunidade universitaria e o público en xeral.
A primeira sesión, impartida polo escritor Francisco Castro, celebrouse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Alí reuniuse un nutrido grupo de persoas interesadas en explorar as posibilidades da escritura, compartir experiencias e mellorar as súas propias historias.
Baixo o lema «Un espazo para escribir, compartir e mellorar as túas historias», o obradoiro ofrece ferramentas e orientación para desenvolver as capacidades literarias de cada participante, ao tempo que promove o intercambio de ideas e o gusto pola creación narrativa.
Ademais de ser un espazo de aprendizaxe e estímulo creativo, a iniciativa nace coa vontade de animar as persoas participantes a dar un paso máis e presentar os seus relatos ao XIX Premio Relato Curto Alumni USC. O certame, organizado por Alumni USC coa colaboración de Pobesalud, admite relatos en lingua galega e de temática libre, e pretende impulsar a creación literaria e ofrecer unha oportunidade para que novas voces dean a coñecer as súas historias.
O obradoiro terá continuidade o mércores 21 de outubro cunha nova sesión, na que se seguirá afondando no proceso creativo e nas técnicas de escritura.
Con iniciativas coma esta, Alumni USC reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura, a literatura e a participación, e crea espazos de encontro e aprendizaxe abertos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da sociedade.