Reunión de Alumni ES e Alumni USC coa reitora para avanzar na organización do 30º Congreso Alumni

A directiva de Alumni España e a de Alumni USC mantiveron unha reunión coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela para presentarlle os avances na organización do 30º Congreso Alumni ES e Alumni USC, que se celebrará en Santiago de Compostela nos últimos días do mes de outubro.

O congreso converterá a cidade nun punto de encontro de referencia para o movemento alumni, reunindo asociacións de persoas egresadas de máis de cincuenta universidades españolas e portuguesas, así como representantes da CRUE e doutras institucións e autoridades académicas.

Durante o encontro, Alumni USC aproveitou tamén a ocasión para trasladar ao equipo reitoral unha proposta estratéxica destinada a reforzar a relación entre a Universidade e as súas persoas egresadas. O documento busca consolidar unha vinculación activa e duradeira coa USC máis aló da etapa académica, fortalecendo o sentimento de pertenza e a participación da comunidade alumni na vida universitaria.

A proposta estrutúrase arredor de tres grandes eixes: a creación dunha estrutura institucional estable para a comunidade Alumni USC, o desenvolvemento de actividades adaptadas aos distintos perfís de titulados e tituladas, e o impulso de iniciativas estratéxicas vinculadas á innovación, o emprendemento, a proxección da marca USC e o retorno do talento.

Entre as medidas destacadas figuran a creación dunha Oficina Alumni USC permanente, a designación de persoas coordinadoras nos centros docentes, o desenvolvemento do programa de empregabilidade «A Ponte USC», a ampliación dos servizos e vantaxes para as persoas egresadas e o fortalecemento da conexión coa comunidade internacional da Universidade.

A iniciativa contempla ademais accións destinadas a favorecer o retorno do talento á USC mediante a participación de persoas egresadas en actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento, así como o impulso de programas de emprendemento en colaboración co Consello Social.

Esta nova etapa completarase cun proceso de modernización dixital que incluirá a renovación da páxina web, unha maior presenza e interacción nas redes sociais e a creación dunha newsletter mensual para fortalecer a comunicación e a conexión coa comunidade Alumni USC.