O sábado 13 de xuño, antigos alumnos e alumnas de Maxisterio da Universidade de Santiago de Compostela volveron encontrarse para celebrar as súas vodas de ouro, cincuenta anos despois de rematar unha etapa académica que marcou as súas vidas. A promoción, formada por estudantes que cursaron os seus estudos entre 1973 e 1976, reuniuse nun emotivo acto celebrado na Facultade de Ciencias da Educación, no Campus Norte.
A celebración estivo presidida pola reitora da USC, Rosa Crujeiras, e contou tamén coa participación da decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo, e da presidenta de AlumniUSC, Eva López, que quixeron acompañar os asistentes nunha xornada cargada de emocións, recordos e reencontros.
O acto foi conducido polo socio de AlumniUSC Agustín Pena, impulsor deste encontro tan especial, que permitiu reunir unha vintena de compañeiros e compañeiras procedentes de diferentes puntos de España. Algúns desprazáronse desde Madrid ou Cádiz para participar nunha celebración que puxo de manifesto a fortaleza dos vínculos creados durante os anos universitarios.
Tras o acto académico, os participantes desfrutaron dun xantar de confraternidade no Hotel Monumento San Francisco. Pola tarde, realizaron unha fotografía de grupo no Recanto da Saudade, no Campus Sur, antes de percorrer a Alameda compostelá, poñendo o broche final a unha celebración chea de significado.
Cincuenta anos despois, esta promoción de Maxisterio demostrou que os lazos construídos na universidade seguen vivos e que a memoria compartida continúa sendo un dos grandes patrimonios da comunidade AlumniUSC.
