A Casa de Galicia en Madrid acolleu o pasado 25 de xuño o acto de nomeamento da presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló Doménech, como membro de honra de IURISGAMA, a Asociación de Xuristas Galegos en Madrid.
En representación de Alumni USC asistiu a vicepresidenta da asociación, Luisa Rivas, quen quixo acompañar a IURISGAMA nunha xornada de especial relevancia para o ámbito xurídico galego e para o recoñecemento da traxectoria institucional da presidenta do alto tribunal.
O acto reuniu na sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid a destacadas personalidades dos ámbitos xurídico, académico e institucional, entre elas o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos; e o presidente de IURISGAMA, Carlos Lema Devesa, socio de Alumni USC, prestixioso xurista galego e impulsor da asociación, desde a que promove o encontro e a colaboración entre os profesionais do dereito galegos asentados en Madrid..
Na súa intervención de apertura, Luis E. Ramos definiu a Casa de Galicia como «a casa común de Galicia en Madrid», un espazo ao servizo das institucións galegas, da cultura, da economía e das entidades que contribúen a fortalecer os vínculos coa comunidade galega.
Así mesmo, felicitou a IURISGAMA polo seu labor en favor do encontro e da proxección dos xuristas galegos na capital e puxo en valor o recoñecemento concedido a Isabel Perelló, ao considerar que distingue «unha traxectoria xurídica e institucional extraordinaria», culminada co exercicio dunha das máis altas responsabilidades do Estado.
Luis E. Ramos destacou tamén que carreiras profesionais como a da presidenta do Tribunal Supremo «reforzan a marca Galicia Calidade» e lembrou os seus vencellos con Galicia, facendo referencia aos anos que viviu na Coruña e aos seus veráns en Mera, lugares que cualificou como parte desa «xeografía sentimental que nunca se abandona». Do mesmo xeito, deu a benvida á homenaxeada lembrando o recente recoñecemento como Galega do Ano outorgado polo Club de Periodistas Galegos en Madrid.
A participación de Alumni USC neste acto reforza o compromiso da asociación co apoio ás iniciativas que contribúen a visibilizar o talento galego e a fortalecer as relacións entre os profesionais galegos nos ámbitos xurídico, académico e institucional.
.