Aveiro, (04/07/26) A nosa presidenta, Eva López Barrio, o pasado 4 de xullo asistiu en Aveiro ao acto conmemorativo do 36º aniversario da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Aveiro (AAAUA), no que a secretaria de Estado do Ensino Superior de Portugal e antiga alumna da institución, Cláudia Sarrico, foi distinguida co título de Socia de Honra.
A presenza de Alumni USC nesta celebración enmárcase no compromiso da asociación por fortalecer as relacións coas organizacións alumni universitarias e impulsar espazos de colaboración que contribúan a reforzar o vínculo entre as universidades, o seu estudantado egresado e a sociedade.
Durante o acto, Cláudia Sarrico puxo en valor o papel das asociacións alumni no desenvolvemento das institucións de educación superior, destacando a importancia das redes de antigos alumnos como espazos de circulación de talento, intercambio de coñecemento e creación de oportunidades. Unha visión compartida polas entidades presentes, que reivindicaron o papel estratéxico destas organizacións para fortalecer o sentimento de pertenza e proxectar o impacto social das universidades máis aló das aulas.
O encontro serviu tamén para compartir experiencias sobre o desenvolvemento do movemento alumni na Península Ibérica e para afondar en futuras vías de cooperación entre asociacións, nun momento no que estas redes adquiren un protagonismo crecente na conexión entre universidade, institucións e territorio.

