Jacinto Ruiz Valentín presenta en Alumni USC a novela «El hijo de la roca y del fuego», unha viaxe ás orixes da humanidade

O xornalista, escritor e pintor Jacinto Ruiz Valentín presentou este xoves na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, nun acto organizado por Alumni USC, a súa nova novela, El hijo de la roca y del fuego (Teima Literaria, 2026), unha obra que traslada o lector corenta mil anos atrás para ofrecer unha visión diferente sobre a desaparición dos neanderthais e a chegada do Homo sapiens.

A partir da combinación de investigación histórica e ficción, o autor propón unha reflexión sobre unha das ideas centrais da obra: os neanderthais non eran seres tan diferentes de nós. Pensaban, amaban, sufrían, sentían medo, coidaban das súas familias, enterraban os seus mortos e expresábanse a través da arte. En boa medida, o que hoxe somos tamén llo debemos a eles.

A novela segue a historia de Fog, un neanderthal, e Mila, unha muller sapiens, para recrear a convivencia entre ambas especies e reivindicar o papel das mulleres como protagonistas activas da vida daqueles grupos humanos, afastándose dos estereotipos que durante séculos marcaron o relato da prehistoria.

Durante a presentación, o xornalista Carlos Carballo destacou que El hijo de la roca y del fuego «invítanos a reflexionar sobre as nosas orixes» e lembrou que, en realidade, a novela «fala de nós mesmos». Unha viaxe ao pasado coa que Jacinto Ruiz Valentín convida tamén a pensar sobre o presente e sobre a condición humana.