Alumni USC reforza os lazos co movemento alumni ibérico no 36.º aniversario da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Aveiro

A presidenta de Alumni USC, Eva López Barrio, asistiu o pasado 4 de xullo ao acto conmemorativo do 36.º aniversario da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Aveiro (AAAUA). No marco desta celebración, a secretaria de Estado do Ensino Superior de Portugal e antiga alumna da Universidade de Aveiro, Cláudia Sarrico, foi distinguida co título de Socia de Honra.

A participación de Alumni USC neste encontro enmárcase no compromiso da asociación por fortalecer as relacións coas organizacións alumni universitarias e impulsar espazos de colaboración que contribúan a reforzar o vínculo entre as universidades, o seu estudantado egresado e a sociedade.

Durante o acto, Cláudia Sarrico destacou o papel das asociacións alumni no desenvolvemento das institucións de educación superior, salientando a importancia destas redes como espazos de circulación de talento, intercambio de coñecemento e creación de oportunidades. Unha visión compartida polas entidades presentes, que reivindicaron o valor estratéxico das organizacións alumni para fortalecer o sentimento de pertenza e ampliar o impacto social das universidades máis aló das aulas.

O encontro serviu tamén para intercambiar experiencias sobre a evolución do movemento alumni na Península Ibérica e explorar novas vías de cooperación entre asociacións, nun contexto no que estas redes adquiren un protagonismo crecente na conexión entre universidades, institucións e territorio.