Alumni USC dá a benvida aos novos titulados e tituladas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela celebrou o pasado 11 de xullo o acto académico de graduación do alumnado do Dobre Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, do Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e do Grao en Enxeñaría Civil.

O acto reuniu a estudantes, familiares, profesorado e representantes institucionais e profesionais para celebrar a culminación dunha importante etapa académica e dar a benvida aos novos egresados á súa vida profesional.

A cerimonia contou coa asistencia de Marcos Vázquez Marey, vicepresidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo; Miguel Fernández Méndez, deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo; Elena Candia López, alcaldesa de Lugo; Roberto Bande Ramudo, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da USC; Carlos Amiama Ares, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría; Alfonso Villares Bermúdez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Xaime Óscar Iglesias Pérez, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; e José Manuel Piñeiro, tesoureiro do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas de Galicia.

Tamén participaron Rosa Montero, decana da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, e José Antonio Pardiñas, delegado de Alumni USC no Campus Terra.

Ao longo do acto púxose en valor o esforzo, a constancia e a dedicación do alumnado durante os anos de formación universitaria. “Detrás de cada graduación hai anos de esforzo, de aprendizaxe e de moitos soños”, foi unha das mensaxes que marcou unha xornada cargada de emoción e recoñecemento.

Na súa intervención, José Antonio Pardiñas trasladou aos novos titulados a benvida á comunidade Alumni USC, destacando que a súa vinculación coa universidade non remata coa obtención do título.

“Ata hoxe, a vosa relación coa universidade era a de estudantes. A partir de agora, esa relación non remata, senón que se transforma. Hoxe pasades a formar parte dunha rede global: a comunidade de Alumni. Ser Alumni significa levar o nome desta universidade aló onde vaiades, pero tamén significa que esta universidade seguirá sendo a vosa casa. Non importa os camiños que elixades seguir nin o lonxe que vos leven as vosas carreiras profesionais; o vínculo que vos une a estas aulas e aos compañeiros que hoxe vos acompañan será para sempre.”

A intervención concluíu cunha mensaxe de parabéns e confianza no futuro dos novos profesionais:

“Parabéns a todos os graduados e graduadas de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Civil. Estamos convencidos de que o talento, a preparación e o compromiso que demostrastes ao longo destes anos levaranvos moi lonxe.”

O acto rematou coa entrega dos diplomas ao alumnado e coa tradicional fotografía de familia, nunha xornada que simbolizou o peche dunha etapa universitaria e o inicio dun novo camiño profesional para os novos enxeñeiros e enxeñeiras formados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.