84 antigos estudantes e dous profesores eméritos, Ángel Carracedo e Andrés Beiras, participaron na celebración, que incluíu a descuberta dunha placa conmemorativa no Recanto da Saudade.
Vinte e cinco anos despois de deixar as aulas da Universidade de Santiago de Compostela, os integrantes da promoción de Medicina 1995-2001 volveron reunirse este sábado na Facultade de Medicina para celebrar as vodas de prata da súa licenciatura, nunha xornada marcada pola lembranza, a amizade e o reencontro.
A celebración comezou coa descuberta dunha placa conmemorativa no Recanto da Saudade, no Campus Sur, como recordo permanente do paso pola Universidade dunha xeración que quixo regresar ao lugar onde iniciou a súa traxectoria profesional e persoal.
A continuación, 84 antigos alumnos e alumnas participaron nun acto na Facultade de Medicina, acompañados por dous dos seus profesores, os eméritos Ángel Carracedo e Andrés Beiras. Tamén estivo presente o decano da Facultade, José Carreira Villamor, quen felicitou os asistentes por esta efeméride e destacou o vínculo que a comunidade universitaria mantén máis alá da etapa académica.
No acto interviñeron ademais os profesores Carracedo e Beiras, dúas antigas alumnas da promoción e a vicepresidenta de Alumni USC, Luisa Rivas, en representación da asociación de antigos alumnos e alumnas da Universidade.
Unha das intervencións correu a cargo de Sara Laxe, quen salientou a importancia destes encontros como ocasión para «reflexionar sobre o que somos e facer balance», pero tamén polo seu compoñente máis persoal, xa que «sempre nos fai ilusión ver antigos compañeiros cos que xa non temos tanto contacto». Laxe repasou tamén a evolución da profesión médica desde os anos da licenciatura, con referencias ao uso da lingua galega no ámbito sanitario, ás off skills —competencias ás que, segundo explicou, non se daba na súa etapa formativa a mesma importancia que hoxe— e á feminización da Medicina.
Tras o acto académico, os participantes continuaron a celebración cun xantar para prolongar conversas e recordos. Pola tarde, o reencontro pechou nun ambiente máis distendido, nun pub do centro compostelán, cunha xornada dedicada á amizade e á memoria dunha etapa fundamental nas súas vidas.
As vodas de prata da promoción converteron así o regreso á Facultade nunha oportunidade para recuperar vellos vínculos e reafirmar o sentimento de pertenza á Universidade de Santiago de Compostela.

