Entrega do XVI Premio de Relato Curto

O luns 12 de decembro a Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela acolleu o acto de entrega do XIV Premio de Relato Curto da man de Alumni USC. Nesta edición, o galardón foi concedido á obra “RODIÑO 1947 – Relato dun suceso real”, un texto escrito por Juan Viaño Rey, catedrático en Matemática Aplicada, baseado nos feitos históricos acontecidos nese mesmo ano na Carballeira de Rodiño, localidade onde o seu autor reside.

O xurado, que estivo conformado polos socios de Alumni, Isabel Méndez e David Formoso, xornalista de El Correo Gallego, Ángel Seijo, e Manuel Fraga en calidade de secretario (con voz, pero sen voto), decidiron de forma unánime facer merecedor deste premio ao relato de Viaño pola súa capacidade para fiar a narración dos sucesos históricos ocorridos en Rodiño cunha subtrama amorosa.

O acto foi presentado polo propio Manuel Fraga, quen cedeulle a palabra a Agustín Pena, presidente de Alumni, para dar a benvida. Este estivo acompañado na mesa polos voceiros Olga Novo (Premio Nacional de Poesía 2020), Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rocío Leira (Premio Relato Curto Alumni USC 2018) e Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado da USC.

Durante o evento púidose desfrutar do recital de poemas de Olga Novo e Esther Gamallo, poeta e socia de Alumni. Así mesmo, tamén se proxectou un breve vídeo de testemuños dalgúns integrantes do club de sendeirismo da asocicación no Camiño, así como unha reportaxe da TVG sobre os sucesos de Rodiño 1947, en honor ao relato premiado.

Finalmente, fíxoselle entrega do diploma e do talón do premio a Juan Viaño, cedéndolle tamén a palabra, quen aproveitou para agradecelo renunciando a el en favor da cesión da cuantía ao Premio Humanitas 2022, ao organismo de acción social Cáritas Diocesana de Santiago.

Vídeo da sesión-https://youtu.be/nfm7a0m6XNY