Entrega do XXIV Premio Aresa a Moexmu

O venres, 1 de marzo de 2024, a nosa vicepresidenta, Luisa Rivas, asistíu á cerimonia de entrega do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que tivo lugar na Facultade de Veterinaria da USC (Campus de Lugo).

A USC e Aresa, empresa fundada e presidida por Álvaro Rodríguez, distinguen a Moexmu (Mostra Exposición Muimenta) pola súa contribución á profesionalización do sector agrogandeiro, recoñecendo así o traballo a favor do desenvolvemento no medio rural durante 40 anos pola veciñanza de Muimenta do concello de Cospeito, consolidado como escaparate do sector agrogandeiro da comarca de Terra Chá e nun certame de referencia da provincia de Lugo e de Galicia.

O acto foi presenciado polo conselleiro do Medio rural, José González e a vicepresidenta de Aresa , Carlota López, xunto cunha numerosa representación de autoridades políticas e académicas, entre elas Antonio López, reitor da USC.

Algúns dos méritos valorados polo xurado para a concesión deste galardón foron a profesionalización do sector gandeiro, a remuda xeracional do agro, o desenvolvemento do rural e a posta en valor da gastronomía local grazas á celebración da Festa da Filloa.

Información e imaxe obtidas do xornal da USC.